Monday 20 de May de 2024

O Eixo Atlántico impulsa desde Carballo a participación das súas cidades nas Estratexias Territoriais Integradas (ETI)


15 dos 20 concellos galegos que forman parte da entidade transfronteiriza participaron nunha xornada informativa no Fórum

15 dos 20 concellos galegos que forman parte do Eixo Atlántico asistiron durante toda a mañá no Fórum Carballo a unha xornada informativa sobre as Estratexias Territoriais Integradas (ETI) e a axenda urbana, que será imprescindible para optar a esas novas liñas de financiamento europeo.
Na inauguración participaron o concelleiro de Fondos Europeos e Axenda Urbana, Iván Andrade, que tamén pechou a xornada coa presentación do plan de acción da axenda urbana de Carballo; o vicepresidente do Eixo, Alfredo García; o secretario xeral, Xoán Vázquez Mao, e a alcaldesa en funcións, Belén Lendoiro, que lembrou que o Fórum Carballo puido facerse realidade grazas a fondos europeos e animou aos representantes políticos e técnicos presentes a apostar por proxectos que converten os concellos “en bos lugares para vivir”.
Hoxe tivemos a sorte de contar en Carballo con Sonia Hernández Partal, subdirectora xeral de Políticas Urbanas do Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana, e Luis Pedro Arechederra Calderón, conselleiro territorial da Subdirección General de Desarrollo Urbano no Ministerio de Hacienda, que ofreceron dar as claves para optar aos fondos europeos con maiores garantías de éxito.
Actualmente, o Ministerio de Facenda esixe que a cidade que opte a unha ETI debe ter unha Axenda Urbana cun plan de acción local propio, cuantificado e aliñado coa dobre transición (verde e dixital), ámbito no que o Eixo Atlántico é unha referencia xa que elaborou a primeira Axenda Urbana Transfronteiriza de Europa e asesorou a primeira Axenda Urbana Binacional de Mercosur. Outro dos requisitos durante estes anos foi que o municipio teña, como mínimo, 20.000 habitantes. En Galicia, ao contrario que en Portugal, non existe unha estrutura xurídica superior ás localidades (áreas metropolitanas, mancomunidades ou comarcas), o que impediu que municipios, capitais de comarca, do Eixo Atlántico de baixa densidade de poboación, como O Carballiño ou O Barco de Valdeorras, puidesen optar a este financiamento.
Nesta convocatoria, por primeira vez, admítense candidaturas presentadas por cidades que sexan centro de áreas funcionais que, no seu conxunto, superen o 20 mil habitantes. Isto afecta positivamente a varias cidades galegas do Eixo Atlántico que, xeralmente, teñen maior problema para financiar políticas urbanas.
Neste contexto, o Eixo Atlántico leva traballando os últimos 5 anos nunha proposta, liderada por Alfredo García, alcalde do Barco de Valdeorras e vicepresidente do Eixo Atlántico, sobre as áreas funcionais. Hoxe tamén estivo en Carballo José Luís Méndez Romeu, corredactor da proposta e exsecretario de Estado de Cooperación Territorial, elaborou, xunto con Xosé Manuel Souto, catedrático de Xeografía e Historia, a Proposta do Eixo Atlántico sobre Áreas Funcionais para dar cobertura a estas posibles candidaturas, publicación que se presentou na xornada.
Para finalizar a sesión, o concelleiro de Innovación e Fondos Europeos do Concello de Carballo, Iván Andrade, presentou o Plan de Acción da Axenda Urbana de Carballo, un modelo de boas prácticas que servirá de axuda a outras cidades.

Deja un comentario